BENVIDOS

ARAN e a Lenda Nova dos Peixes de Ith...

Ficamos diante dun disco de irmandade: a dos sons de Galiza e Irlanda, xuntos e consecutivos, revoltos por rebeldes, porque a música, novamente, exerce coma esa linguaxe universal que racha fronteiras e fai entenderse aos pobos. ARÁN aposta por embarcarse nunha travesía de ida e volta, de regreso e chegada, e agasállanos cunha proposta sinxela por pura, auténtica por artesán: ben feita, vaia, que a fin de contas é o que importa. Garda a nosa terra galega unha memoria máxica, Deus saberá se verdadeira o non ainda que iso é o de menos, que a xungue cun berce celta, e que se reflicte nas tradicións e ate na existencia de seres extraordinarios coma eses homes-peixe cun gorro bermello que disque habitan no río Miño e desafían de cotío as súas correntes a bordo dunha arca. Cóntase que estes individuos, dotados de dentes verdes e de brazos curtos, como aletas, son parentes dos Merrow irlandeses. As pezas de música que interpretan os de ARÁN deben ser as que bailan os homes-peixe e os merrows cando van de festa, pero tamén as que escoitan con respetuoso silenzo cando procuran no fondo dos mares a ialma céltica de Ith, aquel fillo de Breogán que, desde que nunha mañanciña se lle ocorriu subirse ao cúmio da Torre de Hércules d'A Coruña, sentíuse tan enfeitizado por aquela illa que divisaba ao lonxe que o dia menos pensado montou no seu cabalo e navegou cara a Erin nunha barca construida a base de coiro e bimbio. Ith foi asasinado, pero as augas do mar, probablemente axudadas por algúns que outros homes-peixe ou merrows desertores dos ríos, devolveron o seu corpo á costa galega, de onde a súa vez os seus amigos o trasladaron novamente a irlanda para ser soterrado na terra pola que arriscou e perdeu a súa vida. De maneira que, con permiso para soñar, podedes imaxinar que estes músicos que agora escoitades forman parte do séquito dos merrows galegos de Ith, peixiños que van e veñen, que veñen e van, de Galiza a Irlanda, de Irlanda a Galiza, para salvagardar a memoria do seu lexendario Príncipe eternamente vivo, entre nós.

                                                                                                                                Salvador Rodríguez

ARAN son:

ÁLVARO IGLESIAS | Contrabaixo.
HARRY PRICE | Violín.
ANTÓN DAVILA | Gaita Galega, Uilleann Pipes e Whistles (www.antondavila.com)
XOSÉ LIZ | Bouzuki.
SUSO ALONSO | Percusións.